Saturday 18 de May de 2024

O CDTIC aborda a importancia da marca persoal e da identidade dixital na vida profesional



O vindeiro xoves, 25 de febreiro, acolle o seminario “Marca persoal e identidade dixital. Incidencia sobre o emprego”

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, organiza o día 25 de febreiro o seminario “Marca persoal e identidade dixital. Incidencia sobre o emprego” (https://cdtic.xunta.es/identidade-dixital) que se impartirá nas súas instalacións de 17.00 a 20.00 h.

O programa da xornada inclúe temas como os conceptos de marca persoal e identidade dixital, o papel do correo electrónico, as ferramentas existentes para o posicionamento profesional na rede ou a estratexia de employer branding. Trátase dun programa de interese se consideramos o valor diferencial do coñecemento e do talento no actual escenario dixital e global, no que as persoas deben mostrar o seu saber facer no desenvolvemento profesional e as empresas e organizacións deben resultar atractivas para atraer e reter o talento.

Este seminario está destinado principalmente a responsables e profesionais de RRHH e, en xeral, a todas as persoas que consideren que o talento e o saber facer resultan clave na actividade profesional persoal ou na actividade da súa organización. O encargado de impartir a sesión será Xosé Alberte Cea, profesional que exerce como orientador laboral e que conta con experiencia como titor, formador, relator, promotor de actos de networking e impulsor de proxectos de emprendemento.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. As persoas interesadas en a este seminario e que non poden desprazarse a Santiago, pode consultar na rede de aulas CeMIT, http://cemit.xunta.es, cal é a aula CeMIT máis próxima ao seu domicilio na que se vai emitir o evento e solicitar a súa participación vía videoconferencia.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.